Tuesday 14 de May de 2024

Sánchez Bugallo ante o Club Financeiro: “É o momento dun novo salto, dunha gran transformación, promovendo vivenda pública, impulsando máis solo industrial e afrontando o reto da estación de mercadorías na Sionlla”


O alcalde participou xunto á concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e o de Presidencia, Sindo Guinarte, nun encontro co accionariado do Club Financeiro de Santiago
Propón especializar Uninova en captación de inversións e acompañamento de empresas ao tempo que se traballa para habilitar un procedemento de certificación de licencias.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023. Ampliar a base industrial porque o polígono de A Sionlla se queda pequeno. Sánchez Bugallo pretende dar “un gran salto, cunha gran transformación nos próximos 4 anos” captando novas empresas, impulsando vivenda coa recuperación de Emuvissa, cosendo a cidade, integrando os barrios no Ensanche eliminando as barreiras para propiciar a mobilidade peonil, e mudando a mobilidade: “e isto require de xente que saiba o que quere facer”.

No almorzo organizado polo Club Financeiro, alcalde expuxo os datos de xestión dos últimos catro anos, cos mellores datos de emprego, os maiores niveis de renda, a maior afluencia de visitantes e a máis grande expansión de solo industrial dos últimos tempos.

“Fíxose máis nestes catro anos que nos oito anteriores” recalcou Bugallo, e “as cousas foron tan ben, que Santiago se nos queda pequeno. Temos que dar un paso adiante e dar un salto. Marcando como prioridade a “ampliación da base industrial, a vivenda e a mellora dos servizos co novo contrato da auga, bloqueado neste mandato por unha decisión obstrucionista da oposición”: “o reto para os próximos anos é prepararse para dar unha gran transformación”.

Novos polígonos e facilidades para as empresas que xeran emprego

Con 87 licencias concedidas nos últimos catro anos, fronte as 6 dos oito anteriores, o polígono de A Sionlla está “practicamente cheo”. Así as cousas, o alcalde explica que se ampliará o solo industrial a través dos polígonos 40, 37 e 38.

Tamén en materia industrial, Sánchez Bugallo explica que Uninova será especializada “para desenvolver programas de captación de inversións, acompañando ás empresas que se queiran instalar en Santiago”. Unha política de atracción de industria que se reforzará tamén con convenios fiscais: “nós xa modificamos as ordenanzas para contemplar bonificacións de ata o 95%, á que xa se acolleron iniciativas como o Biopolo”.

“O novo reto é a estación de mercadorías” explicou o alcalde que, cun espazo de 73.000 metros cadrados reservados no polígono para este fin, “que deberemos ampliar”, este será un elemento fundamental para mellorar as infraestruturas da área industrial e “seguir captando novas empresas”.

Axilizar a concesión de licencias

A pesar de que as licenzas de instalación de empresas contan cun prazo de concesión bastante áxil, informes como o de Patrimonio, Medio Ambiente e Augas de Galicia retrasan a súa tramitación: “precisamos que a Xunta de Galicia modifique a lei porque non é posible compatibilizar licenzas moi rápidas con prazos de 3 meses para emitir informes perceptivos e vinculantes” explicou o alcalde.

Ademais de instar á Xunta a reducir os prazos, o alcalde deixa a porta aberta para estudar a implantación de entidades certificadoras que permitan axilizar os trámites. Unha tramitación que, por outra banda, xa ten mellorado nos últimos catro anos: “en 2019 cando chegamos A Sionlla era un deserto e había 25 licenzas bloqueadas, algunha incluso desde 2013”.

Catro anos de progreso

Desde os 68 mil empregados en Compostela, sendo a cifra máis elevada da historia, ata as 87 licenzas concedidas a novas industrias, e pasando polo impulso aos grandes proxectos estratéxicos da cidade -Intermodal, enlace Orbital ou a nova depuradora-. É o balance que fai o alcalde dos últimos catro anos, cun punto de partida no que a nova estación e a terminal de viaxeiros estaba bloqueada e cos fondos perdidos e Emuvissa disolta, sen ningún novo polígono desde había 8 anos.

“Tamén en materia de grandes contratos tivemos que facer un gran esforzo, nunca nun mandato se renovaron tantos servizos como neste” recalcou Sánchez Bugallo. Son o contrato de mantemento de xardíns e zonas verdes, o Servizo de Axuda no Fogar ou o de limpeza e recollida de lixo. Con tres de seis xa operativos, un cuarto está xa asinado, o da iluminación, que implicará a renovación do alumeado público de toda a cidade. O quinto contrato, o de transporte urbano, atópase xa en licitación. E o sexto, a auga e saneamento, “foi bloqueado por unha decisión obstrucionista da oposición”.